Buscar
..:: Páxina de Inicio » Biografía de Juan Francisco de Castro ::.. Rexistrarse  Entrar
 Biografía de Juan Francisco de Castro

 

 

castro2.GIF

Somos nosotros aún mucho mas de lo que pensamos:

somos en algún modo eternos, producidos en tiempo

Juan Francisco de Castro

 

 

Juan Francisco de Castro naceu en Lugo, na casa número 20 da rúa que hoxe leva o seu nome, o 25 de febreiro de 1721 no seo dunha familia católica formada por don Juan Antonio de Castro e dona Catalina Brianda Vacariza, descendentes de aristocráticas familias.

Desde moi novo mostrou gran disposición para o estudio, graduándose en Leis (xurisprudencia civil e canónica) e Teoloxía nas Universidades de Santiago de Compostela e Ávila. De volta en Galicia, exerce o sacerdocio na parroquia de San  Pedro de Losón e a súa anexa Santiago de Fontao (1749), situadas no actual Concello de Vila de Cruces, compatibilizando o seu ministerio co exercicio profesional da avogacía.

O seu labor parroquial non se limita, coma adoitaban os cregos, a misar e recoller as rendas da Igrexa, senón que o seu espírito ilustrado levábao máis aló. Consciente da situación na que se atopaban os labregos -escravizados polos detentadores do dominio directo dos bens, tanto laicos coma propia Igrexa- tratou de que aquelas xentes lle sacaran os máximos rendementos ao agro, ensinándolles novas técnicas de cultivo e asesorándoos en dereito para evitar que preitearan en querelas que ían perder. O seu sentido da caridade ía máis aló da esmola; devecía porque as súas “ovellas” aprenderan algún oficio que puidesen complementar ca agricultura, polo que axiña lle poñen de alcume O Misericordioso.

Carlos III a pouco de subir ao trono faino canónico  do Cabido de Lugo e o bispo Armanyá noméao o seo provisor e vicario xeral, cargos nos que desprega grande actividade en axuda dos pobres. Non pasara moito tempo cando o bispo outórgalle o arcediato de Dozón (1776), posto entón moi importante, xa que por aqueles tempos a xurisdición dos bispos exercíase por delegación nos arcediagos, que se convertían en verdadeiros administradores da bisbarra que abranguía aquel. Juan Francisco atópase cuns medios cos que non dispuxera antes e que administra segundo o seu leal saber e entender. Así converte a casa de Dozón nun taller de costura e zapatería no que os labregos aprenden o oficio de xastre, costureira e zapateiro, ao tempo que confeccionaban roupa e calzado para indixentes. Pola súa banda el traballa nun libro no que quería poñer de manifesto o absurdo da xurisprudencia española e defende os dereitos dos orfos, menores, ausentes, e pasa a defender as mulleres casadas. Ponse decididamente na contra da institución dos morgados, pois estes abandonan a seus colonos e consumen as rendas noutras terras e non as empregan en mellorar as fincas, senón en luxos.

Así sae a luz “Discursos críticos sobre las Leyes y sus intérpretes”, que publica no 1765 esgotándose axiña os 2.000 exemplares da edición. Este libro non é senón unha crítica do sistema xurídico español, integrado por leis promulgadas sen principios ben definidos e sen método; ditadas segundo impresións do momento, cinguíndose sempre na súa estrutura e no seu obxecto a encher as máis inmediatas e visibles necesidades da práctica; eran, polo tanto, leis fragmentarias que provocaban desacordos e incoherencias, ao que se debía engadir a complicación que resultaba da adición a este sistema da lexislación canónica. Avogaba por un só corpo legal uniforme e adaptado ás necesidades da época. No tomo primeiro estuda as orixes do dereito común, romano, canónico e español, abranguendo ademais consideracións sobre da autoridade. O volume segundo estuda a interpretación das leis, a súa orixe, as dúbidas no xuízo delas e as dificultades que se atopan para escolle-lo roteiro máis certo e atinado.

No ano 1769 demandou ao Real y Supremo Consejo se lle outorgase a permisividade rexia para poder imprentar o volume terceiro no que estuda a orixe e o adiantamento dos morgados e fideicomisos e subliña as proveitosas vantaxes nadas dunha mellor paridade no reparto da propiedade campesiña. O Consello non só permite a tirada, senón que advirte ao editor que a impresión fose feita en “papel fino y buena estampa”.

Entre 1780 e 1791 ven a luz os volumes de “Dios y la naturaleza”, dos que só se editaron dez a pesares de que Castro mandou ao prelo doce, que desde unha perspectiva interdisciplinaria tratan os diferentes xeitos en que se experimentou a transcendencia desde a antigüidade pagá ata a imposición do cristianismo. Esta obra de clara vocación ilustrada combina as probas da existencia de deus máis acordes coa ortodoxia cristiá con outras baseadas nas incipientes ciencias naturais do seu tempo, dando como resultado unha magna obra moral na que teñen cabida a meirande parte dos progresos culturais desde a ilustración grega ata a ilustración do XVIII.

Como o bispo electo de Lugo, don Antonio Páramo Somoza, morre no 1785 sen ter tomado posesión, o doutor Castro ha facerse cargo da diocese durante dous anos. É tamén por estas datas cando renuncia ao bispado de León.

A expensas do seu irmán Vicente, acreditado farmacéutico, constrúese en Lugo o chamado barrio do Pájaro, que discorría pola parte exterior da muralla entre a Porta Falsa e a parte dereita da estrada da Coruña, así como a escaleira que baixaba da muralla ata a porta Falsa, a que lle puxo un arco xa que antes era un mero buraco un pouco folgado. Preocupado polo porvir dos habitantes do barrio estableceuse nel unha fábrica de tella e cerámica aproveitando os grandes criadeiros de arxila de Silvarrei, así coma unha fábrica de ladrillo. Hoxe non queda nada desta fábrica.

No Ano 1784 celébrase a primeira Xunta da “Sociedad Económica de Amigos del País” de Lugo, da que Juan Francisco de Castro fora cofundador baixo o auspicio do bispo Armanyá.

Faleceu ós 70 anos (24 de decembro do 1790) vítima dunha apoplexía fulminante, sendo enterrado o día 26 na catedral baixo do valado que media entre o coro e o altar maior. Noventa anos despois (1881) rendéuselle unha homenaxe o sete de outubro, en plenas festas de San Froilán, trocando, como temos dito, o nome da rúa de Batitales por “rúa do Doutor Castro”, e colocando unha placa na casa onde nacera na mesma rúa, que foi retirada a fins dos noventa con motivo da restauración da casa:

 

Al / doctor / Don Juan Francisco de Castro / hijo ilustre de esta ciudad / filósofo y jurisconsulto / promovedor de la prosperidad pública / padre de los pobres / nació el 25 de febrero de 1721 / falleció el 24 de diciembre de 1790 / el Ayuntamiento de Lugo / año 1881 ".

 

  

Copyright - (c) 2017 Asociación de Estudos Filosóficos Doutor Castro